sábado, 18 de julio de 2009

PRÓXIMA ESTACIÓN: FESTIVAL FOLK A FRAGA. AS PONTES.

O vindeiro concerto do grupo será no Festival Folk da Fraga, ó que volvemos tras un ano se participar nel.
Como moitos de vós saberedes MUXAREGA foi case sempre un habitual neste festival, motivado polos convenios culturais que se soían firmar co Concello. Este ano retomamos o choio.

O cartel do festival complétano:

LEÑA VERDE: Grupo que ven de Pol (Lugo) vinculado á Asociación Cultural do mesmo nome. As influenzas de LEÑA VERDE están marcadas pola composición heteroxénea do grupo, que condiciona a liña duns arranxos e composicións propias que, en todo caso, parten do coñecemento, respecto e compromiso coa tradición galega. Deste xeito, o traballo do grupo pode etiquetarse como un folk tradicional modelado pola sonoridade das gaitas, frautas e acordeóns; dunha sección de saxos (soprano, alto e tenor); o sustento harmónico da corda -guitarras, contrabaixo e piano que seguen ben patróns clásicos ben progresións relacionadas coa música antiga, pop/rock ou blues; a percusión tradicional galega e doutras culturas e o empaste máxico das voces das dúas cantareiras, que interveñen en varios temas.

BONOVO: Proxecto musical creado por Óscar Fernández (ex-Cempés), Roberto Grandal (ex-banda Budiño e ex-banda Susana Seivane) e Pulpiño Viascón (ex-Diplomáticos de Montealto e ex-Jarbanzo Negro) no ano 2007. A esencia acústica da zanfona e do acordeón, mesturados cunha batería electrónica, efectos e instrumentos virtuais, queren romper barreiras co establecido, explorando alén do coñecido as posibilidades de tres instrumentos tan polivalentes.
BONOVO comeza así o camiño na busca dun son que non entende de etiquetas, que ten como principio fundamental a fusión de tres instrumentos e tres personalidades de seu, nunha simbiose musical imprevisíbel.
BONOVO propón un espectáculo inquedo, cun ritmo frenético e bailábel, que non deixará a ninguén indiferente. Pode ou non facer bailar teu corpo, pero de seguro que si o fará a túa mente.
Son innovadores no tocante ó tratamento dos instrumentos, ao uso e adaptación do cancioneiro popular, aínda que o seu repertorio ofrece unha maioría de composicións propias.

LUAR NA LUBRE: Pouco que dicir deles. Xa todos os coñecemos. LUAR NA LUBRE é, hoxe por hoxe, unha das formacións máis importantes de folk en Galiza e cecais a máis internacional cun amplio historial de concertos e recoñecementos tras de si. A sua sona traspasou fronteiras sendo solicitados desde todos os puntos do mundo para tocar nos máis prestixiosos festivais e recintos. Desde os seus primeiros traballos obtiveron distintos premios, boas críticas, actuacións nos mellores escenarios e dous discos de ouro que conforman a longa historia do grupo.

O proxecto do grupo baséase fundamentalmente nas músicas de raiz galegas, polo que adican especial atención ao estudo dos cancioneiros galegos así como ao traballo de campo que lles proporciona un fondo coñecemento sobre a realidade musical galega que tamén se revela determinante nas composicións propias, ainda que non rexeitan influenzas que melloren a súa proposta sen distorsionar o carácter central do seu proxecto.

Aínda que está pendente de confirmarse a orde prevista e actuación é a seguinte:

1º.- Leña Verde

2º.- Bonovo

3º.- Luar na Lubre

4º.- Muxarega



3 comentarios:

  1. Alí estaremos Mijeliño.

    ResponderEliminar
  2. Estivestes tremendos na Fraga!
    Teleoneados por Luar na Lubre, jua, jua, jua.
    Vaia caña amigos.

    ResponderEliminar
  3. Hei nenos actualizada máis esto, que a Fraga vaiche boa.

    ResponderEliminar